As vítimas da violencia vicaria poderán acceder ás axudas de pago mensual de ata 800 euros

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar unha modificación das bases reguladoras, que deriva do cambio lexislativo aprobado no mes de xuño polo que se considera ás vítimas da violencia vicaria, vítimas de violencia de xénero. Este recoñecemento ten efectos retroactivos, polo que a Xunta decidiu eliminar a condición de que para optar a estes pagamentos mensuais, a convivencia destas mulleres co agresor tiña que ter cesado nos doce meses anteriores a solicitaren a axuda. Tamén se retira o límite temporal de 12 meses transcorridos desde a emisión do documento acreditativo da condición de vítimas. Deste xeito, as vítimas da violencia vicaria poderán acceder ás axudas de pago mensual de ata 800 euros que concede a Xunta ás vítimas da violencia de xénero con maior facilidade, ao eliminar os límites temporais de acreditación da súa condición de vítimas ou de cese da convivencia co agresor. Ademais das vítimas da violencia vicaria, que desde o ano 2019 xa podían acceder a estas axudas, a liña ten como potenciais beneficiarias ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.