As vivendas de Montemaior xa contan coa súa numeración definitiva

1 minutes read

O Concello da Laracha vén de completar a instalación dos indicadores coa numeración definitiva nas 290 vivendas da parroquia de Montemaior. En cada casa foi colocada unha placa na que se identifica a parroquia, o núcleo de poboación exacto no que se sitúa e o número definitivo no padrón municipal.
Esta mesma actuación xa fora realizada en Coiro. Tras Montemaior, as seguintes parroquias obxecto desta iniciativa serán Caión e Cabovilaño, e ata completar as trece nas que está dividido o termo municipal.
A instalación destas placas trátase da parte final da iniciativa impulsada polo goberno local e dirixida a recuperar a totalidade dos topónimos, o que tamén implica unha renumeración das vivendas do rural regresando ao ordenamento antigo (anos ‘90), que era máis óptimo e acorde ao correcto emprazamento de cada casa que o actual. Ademais, posibilitará manter unha uniformidade nos indicadores ao longo de todo o termo municipal.
Ao rematarse o proxecto serán incorporados ao padrón municipal 73 novos topónimos para adaptarse ao total 311 de núcleos de poboación laracheses que actualmente xa están rexistrados no nomenclátor oficial da Xunta de Galicia e contemplados no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). No caso de Montemaior, a parroquia conta agora con 51 topónimos, dos cales 14 foron incorporados grazas a esta iniciativa.
Para poder incorporar os novos topónimos ao rexistro municipal tamén foi preciso o recoñecemento dos mesmos por parte do Instituto Nacional de Estadística (INE), trámite previo realizado polo Concello da Laracha antes de proceder a reempadroar aos veciños dos núcleos afectados xa no seu lugar de residencia exacto.