As xornadas «Artesanía no prato» chegan esta fin de semana a ExpoCoruña

1 minutes read

A vindeira fin de semana ExpoCoruña acollerá a segunda edición das Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, que se celebrarán o domingo 27 e o luns 28 de outubro, organizadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia. Nestas xornadas presentaranse produtos de 41 obradoiros artesanais, que se maridarán co traballo de representantes da nova cociña galega nun espazo de diálogo creativo. As novas propostas artesanais presentaranse ao longo dos dous días de celebración do evento, que estará dirixido a profesionais da gastronomía, hostalería e restauración.

Nesta segunda edición participarán un total de 41 obradoiros artesáns, que representarán os oficios artesáns de cerámica, madeira, cestería, téxtil, vidro, así como coitelería, xoiería, serigrafía e ilustración, decoración e escaparatismo e arranxos florais. Exporán unha selección dos seus produtos, focalizando a atención na experimentación con novos materiais, que permitirán estreitar lazos profesionais, crear novos contactos e servir como xermolo de proxectos futuros no eido da cociña e a restauración.