A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou este mércores no Aeródromo de Rozas nunha das xornadas “Drone Day: Aplicacións Profesionais dos Drons”, unha iniciativa organizada pola multinacional aeronáutica Boeing en colaboración coa Xunta e que se enmarca nas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia. No acto participou tamén Neves Seoane, responsable do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), sede do evento.
Segundo precisou Patricia Argerey, a finalidade destes talleres é “introducir aos estudantes, de xeito dinámico e entretido, no uso e funcionalidades das tecnoloxías vinculadas aos drons e familiarizalos coas súas aplicacións e uso”. Argerey contextualizou esta actividade de divulgación nos compromisos asinados entre a Xunta de Galicia e os seus socios no marco da Civil UAVs Initiative co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade galega, en especial o interese polas carreiras STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e o sector aeroespacial.
O programa de vocacións da Civil UAVs Initiative ten como obxectivo achegar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación á mocidade e o fomento de novas vocacións especialmente vencelladas ao sector aeronáutico e aeroespacial, así como aumentar o coñecemento da iniciativa por parte da sociedade. Ademais dos drone days e das Aulas Newton, organizadas conxuntamente con Boeing, está previsto celebrar outros obradoiros, charlas, concursos e visitas ao CIAR, entre outras. O programa de vocacións científico-tecnolóxicas pretende chegar a mais de 1.000 escolares, mais de 100 universitarios e preto de 2.000 persoas interesadas neste segmento do sector aeroespacial.