As zonas de baño do litoral carballés obteñen a cualificación de ‘excelente’ na clasificación sanitaria da Xunta

1 minutes read

Na costa carballesa hai cinco zonas de baño controladas sanitariamente: Pedra do Sal, Razo (que a efectos de salvamento divídese en tres: Cabreira,  Intermedia e Posto), Arnados (que inclúe tamén a Explanada), Ría de Baldaio e Saíñas. Todas acadan a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria que vén de remitir a Consellería de Sanidade ao Concello de Carballo, e que podes consultar no documento anexo.

A Concellaría de Praias ten como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a saúde do noso litoral e a calidade dos servizos que se prestan nel. Grazas ao traballo que se desenvolve ao longo do ano, Carballo vén renovando ano tras ano os distintivos Bandeira Azul e Sendeiro Azul para diferentes espazos, e ademais é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos de Galicia que conta cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal e dos servizos.