As “zoquiñas vermellas” camiñan contra o maltrato no IES Maximino Romero de Zas

Cedida

No instituto baiés Maximino Romero de Lema seguen cos preparativos da Semana Cultural que se celebrará a partir do luns 17 de maio. Dentro desta programación atópase a exposición itinerante Zoquiñas vermellas, símbolo de reivindicación dunha sociedade máis igualitaria. A mostra poderá visitarse no centro ata finais de mes.

Este proxecto replica na Costa da Morte a iniciativa dos Zapatos Rojos, da artista mexicana Elina Chauvet. Trátase dun traballo que naceu con 33 pares de calzado vermello, coma a cor do sangue, en lembranza da irmá da autora e doutras mulleres que foron vítimas de maltrato.

Tras expoñerse en México, Arxentina, Chile, Ecuador, Italia ou Reino Unido, a adaptación da idea de Chauvet chegou a Galicia grazas a Asociación Oleira de Buño e a entidade Invisibles para continuar denunciando esta lacra social.

No IES Maximino Romero seguen apostando por “manter vivo o debate para conseguir unha sociedade na que o maltrato por ser muller non teña cabida”, e tamén contribuirán a esta loita coa venda de broches de zoquiñas vermellas cuxa recadación irá destinada a prestar axuda a vítimas da violencia de xénero.