Asaltan un banco en Vigo a punta de pistola e levan 300.000 euros

1 minutes read

Policía Nacional e Policía Local de Vigo buscan a tres atracadores que ás sete da tarde deste xoves roubaron a punta de pistola nunha sucursal de Caixabank na Gran Vía, á altura do número 78. Fontes policiais sinalan que a cantidade de cartos roubada podería chegar aos 300.000 euros, un dos botíns máis elevados dos atracos rexistrados na cidade nos últimos anos. Os ladróns entraron na oficina bancaria cando estaba a piques de pechar as portas e encañonaron aos empregados que estaban dentro para que lles deran os cartos. Fuxiron do lugar correndo, segundo algunhas testemuñas presenciais. A Policía Nacional e a Policía Local puxeron en marcha a operación «gaiola» para evitar que os atracadores saísen da cidade.