Asasinan a unha cooperante española en Etiopía


A ONG Médicos Sen Fronteiras dixo estar «arrepiada polo brutal asasinato» da súa cooperante María Hernández xunto a outros dous traballadores etíopes. Os tres foron asasinados nun ataque contra o seu vehículo na rexión de Tigray, en Etiopía, unha zona azoutada pola guerra.

Segundo explicou nun comunicado MSF, perderon o contacto cos seus traballadores o xoves pola tarde. Este venres atoparon o vehículo «baleiro e, a uns metros de distancia, os seus corpos sen vida». María Hernández, madrileña de 35 anos, traballaba para MSF como coordinadora de emerxencia en Tigray. Antes estivera na República Centroafricana, Iemen, México e Nixeria. Viaxaba xunto a Yohannes Halefom Reda, asistente de coordinación, e o condutor Tedros Gebremariam.

A ONG afirma que «a morte de María, Yohannes e Tedros supón un golpe devastador» para eles tanto en Etiopía como no resto de países nos que operan. A embaixada de España en Etiopía está a facer as xestións para repatriar o corpo e tratar de aclarar o ocorrido.

María Hernández en 2019.