Ascenden a 28 os detidos na operación antidroga da Policía en Galicia


Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e Policía Nacional asestaron un novo golpe ao narcotráfico en Galicia coa detención de 28 persoas, 15 tripulantes e 13 persoas en terra, e a aprehensión duns 4.000 quilos de cocaína que xa están no porto de Vigo. A tripulación declarou por videoconferencia durante a travesía, a xuíza decretou para eles prisión sen fianza. Mentres tanto, en terra arrestaron outras 13 persoas. Houbo 21 rexistros no Grove, A Illa, Cambados e Sanxenxo. Neles os axentes incautáronse de 5 lanchas rápidas, vehículos e documentación. A operación permitiu desarticular a organización de narcotransportistas máis importante de Galicia que, formada por experimentados “lancheiros” e coñecidos traficantes, se poñían ao servizo das máis importantes estruturas de narcotráfico, tanto a nivel nacional como internacional, sendo requiridos, presuntamente, para recoller cocaína en altamar cando fosen necesarios. Quen aínda segue desaparecido é o arousano J.C. Santorum, encauzado pola Policía como o cerebro galego do alixo. A investigación foi coordinada pola Fiscalía Antidroga de Pontevedra e dirixida polo Xulgado de Instrución número 3 de Vigo, quen decretou prisión sen fianza para os 15 tripulantes do barco apresado con 4 toneladas de cocaína para narcos galegos. Contaron tamén coa colaboración da Armada Española, a Axencia Americana Antidroga – DEA-, a National Crime Agency británica – NCA- e a Policía de Colombia – DIRAN-.