A cifra de vítimas mortais en Galicia sobe a 661 persoas, despois de se rexistraren dous novos falecementos nas últimas horas no Hospital de Lugo. Son un home de 88 anos usuario do centro de maiores do Incio e unha muller de 89 da residencia de Outeiro de Rei.
O gromo do Incio deixa xa quince maiores mortos. O número de mortes polo coronavirus desta segunda vaga é de 42 persoas desde a segunda fin de semana de agosto.
Nestes momentos nos xeriátricos galegos hai 164 maiores infectados. O número de traballadores positivos é de 69, distribuídos en vinte e unha residencias e tres centros de atención a persoas con diversidade funcional.
En canto aos pacientes ingresados neste momento mantense o número de casos nas unidades de coidados intensivos, 17, e soben en 10 os hospitalizados en planta, ata os 187. Aumenta tamén a cifra de persoas infectadas que se recuperan nas súas casas ata os 3.971.
Nestes momentos hai 4.175 casos activos, e destes 252 son novos contaxios. Na área sanitaria da Coruña, a máis afectada, comezan a descender os activos, con 22 casos menos, mentres que nas outras aumentan lixeiramente as cifras. Pontevedra volve ser a área que máis activos suma, con 15 máis.
O número de PCR feitas nas últimas horas supera as 4.900.