Así será o San Xoán 2023 | Orquestras con tirón estarán en Carballo do 22 ao 26 de xuño

2 minutes read

A comisión de festas aposta como nunca polas verbenas, e non só traendo a Carballo a algunhas das orquestras con máis tirón do panorama nacional, que tamén; senón abrindo o abano de estilos musicais, tipos de formación, e mesmo horarios, para que todo o mundo, independentemente de gustos e idades, poida gozar da música nas noites de San Xoán.

Así serán este ano as verbenas do San Xoán:

Arrincarán o 22 de xuño con todo un clásico da verbena galega, a París de Noia. Pouco podemos contar dela que non se saiba, porque despois de 65 anos sobre os escenarios segue no top das orquestras do país. Con 16 artistas sobre o escenario, un repertorio renovado, coreografías vistosas e vestiarios espectaculares, nesta xira 2023 vai seguir dando que falar e que bailar. O espectáculo da París de Noia empezará a soar ás 22.00 horas do xoves 22 na Praza do Concello.

Este ano tamén haberá música o día das cachelas, o 23 de xuño, unha sesión especial de 21.00 a 03.00 horas con tres dj’s locais: Dani Varela, Sara Pose e Ramita. E para completar o cartel, Disco Impacto.

O día de San Xoán, 24 de xuño, actuará en Carballo unha orquestra que bate récords nas redes sociais, con ducias de milleiros de seguidores, e nos seus concertos. Dende as Illas Canarias o Grupo Bomba, un fenómeno de masas que se caracteriza por un marcado estilo latino, cun repertorio divertido, moitos temas propios e máis interacción co público. Con 13 músicos sobre o escenario que empezarán a tocar ás 00.30 horas, tras dunha das actuacións estelares que hai preparadas para este ano e que se dará a coñecer moi pronto.

O domingo 25 de xuño será o turno de La última legión, que chegará dende terras leonesas para ofrecer un show no que fan un percorrido por algúns dos temas máis coñecidos da historia da música española.

E para pechar o cartel das verbenas, o 26 de xuño regresará a Carballo a orquestra revelación das festas do ano pasado: Funçao Publika, a orquestra máis popular de Portugal e que no 2022 deixou na vila un sabor de boca inmellorable. De feito, se regresan este ano é porque foron moitísimas as peticións que recibiu a comisión de festas. A última verbena deste San Xoán arrincará ás 21.30 horas, para que, malia ser un día laborable, todo o mundo, mesmo os máis pequenos da casa, poidan gozar da festa e para poder garantir, ao mesmo tempo, o descanso da veciñanza.