A sinatura deste documento supón o inicio efectivo das obras da Fase 0, licitadas en xuño por un investimento de 13 millóns de euros, unha vez que o Concello da Coruña vén de outorgar a licenza municipal correspondente, que xa fora solicitada no mes de xuño.
A Fase 0 inclúe a creación dunha nova área de hospitais de día e dunha nova planta de hospitalización, así como a ampliación das camas para coidados intensivos.
O inicio dos traballos posibilitará intervir en varios andares, no primeiro, en concreto na antiga central de esterilización para ampliar os servizos de Farmacia, Urxencias e Mantemento.
Na cuarta planta, as obras realizaranse nas antigas Urxencias para situar os Hospitais de Día de Oncoloxía, Alergoloxía, Hematoloxía, Polivalente e a Oficina de coordinación de transplantes.
Ademais, contémplanse obras na quinta planta, na área dos antigos quirófanos, para situar unha nova unidade de hospitalización con 29 camas. Na sexta planta tamén se actuará en quirófanos para situar as Unidades de Coidados Intensivos de politraumatizados e Coidados Intermedios, ademais dunha nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas.