As eleccións catalás xa están oficialmente convocadas para o 14 de febreiro. O presidente en funcións da Generalitat, Pere Aragonès, asinou o decreto que chama os cataláns ás urnas. Faino unha vez esgotados os dous meses que marca a lei sen que ningún grupo designase candidato para substituír o inhabilitado Quim Torra. Pere Aragonès asegurou que a Generalitat traballará para que a pandemia afecte o menos posible os comicios. Cataluña entra en período electoral coa incerteza de como será a situación da pandemia para mediados de febreiro. O Govern e os partidos cataláns celebraron esta unha reunión na Cámara catalá na que acordaron algunhas decisións que afectan á xornada electoral. Contémplanse dous escenarios de posible aprazamento. Se houbese unha situación de confinamento total ou de «redución importante da actividade social» que impedise garantir a celebración das eleccións en igualdade de condicións, o Govern, co visto e prace dos partidos, tomaría a determinación de aprazar a data electoral.