Asinada a emerxencia de reconstruir o abastecemento de auga a Folgoso do Courel

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, asinou a declaración de emerxencia para a execución de obras hidráulicas destinadas a recuperar varias instalacións de abastecemento afectadas polos incendios das pasadas semanas no Courel.

Esta intervención céntrase na reconstrución das instalacións de abastecemento no municipio de Folgoso do Courel e comezarán nos vindeiros días. As obras contan cun investimento autonómico de 200.000 euros e cun prazo estimado de execución de 2 meses.

Máis en detalle, actuarase na rehabilitación dos sistemas de abastecemento aos núcleos de Folgoso, Mazo de Santigoso, A Campa, Vilar, Vidallón e Vilamor. Augas de Galicia tamén levará a cabo a reposición e execución das bocas de incendio precisas para dispoñer de elementos de apoio na extinción de lumes.

As obras inclúen, polo tanto, a recuperación das captacións afectadas, a instalación de depósitos prefabricados e a reposición de conducións e arquetas, así como a instalación de varias bocas de incendio.