Asinada a orde de elaboración dos OXE de 2023

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, durante a súa intervención na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros_ Pool Moncloa

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este luns a Orde do Ministerio de Facenda e Función Pública pola que se ditan as normas para a elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado de 2023. Esta orde é o punto de partida para iniciar os traballos de preparación das contas públicas do próximo ano. O obxectivo dos Orzamentos de 2023 é consolidar o crecemento económico e a creación de emprego que se iniciou en 2021 e continúa en 2022, pero tendo en conta o contexto internacional actual marcado polo impacto que a invasión de Ucraína por parte de Rusia está a provocar na economía co encarecemento dos prezos da enerxía e doutros produtos. A Orde lembra que a economía española afronta esta situación de incerteza global desde unha posición sólida, cun patrón de recuperación moi distinto ao de crises anteriores e cuns fundamentos máis robustos. Nese sentido, hai que destacar que España rexistra o nivel de emprego máis alto desde 2008 e, ademais, cun aumento moi significativo dos contratos indefinidos, que xa supoñen un de cada dous novos contratos asinados.