O obxectivo é poñer en funcionamento unha ruta paisaxística que discorre en paralelo ao río ao longo de 70,3 quilómetros e de poñer en valor os seus valores naturais, culturais e paisaxísticos. No acto, a institución provincial estivo representada polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen rubricou o texto canda o alcalde mazaricán, Juan José Blanco, e a CEO de Xeal, María Couto.
O acordo, aprobado polo Pleno da Corporación provincial na sesión ordinaria desenvolta o pasado 22 de decembro de 2025, instrumenta unha subvención nominativa destinada a financiar as obras do proxecto, cun orzamento total de 368 749,18 euros. A achega da Deputación da Coruña ascende a 294 999,34 euros, o que representa o 80% do investimento previsto.
A actuación está concibida tanto como un recurso de dinamización turística do rural como un medio para mellorar a mobilidade da veciñanza, ao tempo que promove a concienciación da poboación local e das persoas visitantes sobre a necesidade de protexer a biodiversidade e o patrimonio etnográfico asociado aos cursos fluviais. O deseño da senda procura causar o mínimo impacto ambiental posíbel, afastándose en determinados treitos do leito do río para non perturbar a flora e a fauna existentes e evitando interferir na vida cotiá e no traballo da veciñanza dos lugares polos que transita.
O Concello de Mazaricos actúa como entidade representante dunha iniciativa que comparte con Santa Comba e Zas, de maneira que se encargará de xestionar as actuacións. O alcalde mazaricán amosou a súa satisfacción polo paso dado hoxe respecto dun proxecto «que comezou hai cinco anos» e agradeceu o investimento que realizan tanto a empresa Xeal como a Deputación da Coruña. «Sen a colaboración da empresa, porque o comezo da ruta pasa integramente polos seus terreos, e sen os fondos que achega a Deputación, non sería posíbel», indicou Juan José Blanco.
O convenio terá vixencia até o vindeiro 31 de outubro e forma parte das competencias da Deputación da Coruña en materia de asistencia e cooperación económica e técnica aos concellos, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión, co obxectivo de contribuír á mellora do patrimonio provincial e ao desenvolvemento de proxectos de interese público e social.