- As exencións das cotizacións serán maiores para os empregados que regresen á actividade que para quen continúe suspendidos
Este luns o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sindicatos e patronal asinaron o Acordo Social para prorrogar os ERTE ata o 30 de xuño deste ano para aquelas empresas que non poidan renovar a súa actividade por causas de forza maior.
Neste acordo, que será ratificado este martes, establécense dous tipos de ERTE: de forza maior total e parcial. No primeiro tipo prevese a exoneración do 100% das cotizacións para aquelas compañías que teñan no seu persoal a menos de 50 traballadores, mentres que o 75% será para aquelas que teñan ou excedan os 50 empregados. No segundo tipo, o ERTE de forza maior parcial, no caso das empresas de 50 ou máis traballadores, a exención para os empregados que se reincorporen será do 60% e do 45% para as cotizacións devindicadas en maio e xuño, respectivamente. Para os traballadores que non se reincorporen, a rebaixa será do 45% en maio e do 30% en xuño.
Para incentivar a reincorporación aos postos de traballo do maior número de traballadores en ERTE, as exencións serán maiores para os empregados que regresen á actividade que para quen continúe suspendidos.
O Acordo Social tamén introduce dúas cláusulas que aluden á repartición de dividendos e á transparencia fiscal. As empresas e entidades que teñan o seu domicilio fiscal en paraísos fiscais non poderán acollerse á prórroga dos ERTE por forza maior.
Ao acto da firma, asistiron, por parte do Goberno, o vicepresidente e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias; a vicepresidenta e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño; a ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero; a ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá.
Por parte dos axentes sociais fixérono os secretarios xerais de UXT e CCOO, Pepe Álvarez e Unai Sordo, respectivamente; o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, e o presidente de CEPYME, Gerardo Cuerva.