Asinado o contrato da iluminación das rúas de Carballo nas festas de Nadal e San Xoán

1 minutes read

O alcalde, Evencio Ferrero, vén de asinar o contrato do servizo de deseño, subministro e instalación do alumeado ornamental durante as festas de Nadal e San Xoán. O contrato terá unha vixencia inicial de 1 ano, prorrogable por períodos similares ata un máximo de 4 anos. O custe do servizo será de 57.523,40 euros ao ano.

Segundo consta no contrato, a adxudicataria, Iluminaciones Santiaguesas S.L. farase cargo do deseño, o subministro, a instalación, o mantemento e a desmontaxe dos elementos, así coma de todos os gastos que leve aparellados, dende a autorización ata a enerxía eléctrica. O Concello de Carballo poderá elixir os distintos elementos do mostrario da empresa, que sempre deberán utilizar tecnoloxía Led ou calquera outra como mínimo tan eficiente.

A oferta presentada por Iluminaciones Santiaguesas inclúe a colocación de 195 arcos transversais, 30 motivos para soportes de luminarias, 1 elemento singular de gran formato e 17 decoracións en 3D. O alumeado ornamental estará acendido do 5 de decembro ao 7 de xaneiro, ámbolos dous incluídos, e tamén durante as festas patronais. En canto á desmontaxe, establécese un prazo máximo de 10 días dende o apagado.