- O prazo de adhesión para empresas remata o día 10, e a partir do 15 poderán solicitarse as tarxetas a través da páxina web www.semprecarballo.gal
O Concello de Carballo e Abanca asinaron este lunes o convenio de colaboración para a emisión e a xestión da entrega das tarxetas “Sempre Carballo”, unha iniciativa consensuada coas entidades empresariais para contribuír á reactivación económica local a través de subvencións directas a todas as persoas maiores de 18 anos empadroadas no concello a data 31 de xullo deste ano.
O prazo de adhesión para as empresas que tivesen paralizada a súa actividade durante o estado de alarma remata o día 10, e a partir do 15 poderán solicitarse as tarxetas a través da web www.semprecarballo.gal. Na mesma páxina poderán realizarse as solicitudes das tarxetas entre o 15 de setembro e o 15 de novembro, e o prazo para consumir os 30 euros de crédito estará aberto ata o 30 de novembro.
Tal e como se pon de manifesto no convenio, a entidade bancaria dará as tarxetas de alta nos seus sistemas, encargarase da súa impresión e cargará os 30 euros de saldo. Así mesmo, será responsable de envialas directamente aos domicilios das persoas beneficiarias. O prezo do servizo será de 2,5 euros para as primeiras 20.000 tarxetas emitidas, e as restantes, ata un máximo de 25.000 unidades, non terán custo para o concello.