Asinado o convenio para a construción da estación e o aparcadoiro da intermodal da Coruña

1 minutes read

A Xunta asinou o convenio para a execución da terminal de autobuses, o aparcadoiro e os elementos comúns da reforma ferroviaria que configurarán a estación intermodal da cidade, cun investimento de máis de 43,2 millóns de euros. O acordo foi remitido ao Concello da Coruña e a ADIF para a súa sinatura inmediata, imprescindible para avanzar neste proxecto estratéxico e poder licitar as obras.

En relación aos accesos nas avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril, serán executados e financiados polo Concello da Coruña, cunha achega de 4 millóns de euros. A remodelación da estación ferroviaria corresponderalle a ADIF, que investirá preto de 50 millóns de euros.

A estación de autobuses desenvolverase en paralelo á avenida da Sardiñeira e á traza ferroviaria, sobre unha parcela de 21.000 metros cadrados e estará dividida en dous niveis: no superior situarase a estación propiamente dita, co edificio de viaxeiros e a zona de dársenas, ademais da pasarela peonil de comunicación coa avenida do ferrocarril; e no inferior, a cota variable, situaranse o aparcadoiro, a zona de comunicación peonil coa estación e as dársenas de regulación. O edificio da estación terá 2.500 metros cadrados, distribuídos en tres andares. O aparcadoiro de turismos dispón de 325 prazas de estacionamento, máis 44 para vehículos de alugueiro, das cales unha porcentaxe se reservará para persoas con mobilidade reducida, para familias e embarazadas e para coches de carga eléctrica. Así mesmo, proxéctase habilitar prazas para motocicletas.