Asinado o convenio para a xestión das visitas e actividades culturais nas Torres do Allo de Zas durante 2026

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Zas, Manuel Muiño, asinaron este luns na sede da institución provincial o convenio de colaboración para a xestión integral do servizo de atención a visitantes e a programación de actividades nas Torres do Allo durante o ano 2026, un dos conxuntos arquitectónicos máis emblemáticos da Costa da Morte e propiedade da Deputación. No acto participou tamén o deputado de Patrimonio, Xosé Penas.

A través deste acordo, a Deputación financiará ata un máximo de 50.000 euros para sufragar parte dos gastos de funcionamento e das actividades que se desenvolverán neste espazo patrimonial ao longo do ano, mentres que o Concello de Zas asumirá a organización do servizo de atención ao público, as visitas guiadas e a programación cultural e didáctica vinculada ao pazo.

O presidente provincial destacou que este convenio permite seguir avanzando na posta en valor dun dos elementos patrimoniais máis relevantes da provincia. «As Torres do Allo son un exemplo de como o patrimonio histórico pode converterse nun motor cultural e turístico do territorio. Desde a Deputación levamos anos traballando na súa recuperación e agora seguimos apostando pola súa dinamización para que sexa un espazo vivo, aberto á cidadanía e atractivo para quen nos visita», afirmou Valentín González Formoso.

Formoso subliñou tamén a importancia da colaboración institucional para garantir o funcionamento e a actividade deste tipo de espazos. «A cooperación co Concello de Zas permite desenvolver unha programación estable de visitas, actividades culturais e iniciativas didácticas que achegan o patrimonio á xente», indicou.

Pola súa banda, o alcalde de Zas, Manuel Muiño, agradeceu o apoio da Deputación e destacou que este acordo permitirá consolidar as Torres do Allo como un dos principais recursos culturais e turísticos do municipio.

O programa de actividades para 2026 inclúe a atención aos visitantes, a organización de visitas guiadas e o desenvolvemento de numerosas iniciativas culturais e didácticas dirixidas a públicos diversos, con especial atención á comunidade escolar e ás familias.

Entre as propostas previstas figuran obradoiros educativos, exposicións temporais, visitas teatralizadas, concertos dentro do ciclo «Música nas Torres» ou actividades participativas vinculadas ao calendario festivo galego. Tamén se desenvolverán iniciativas xa consolidadas como o «Escape room do Allo» ou o mercado artesanal de San Ramón, ademais de diferentes eventos culturais e actividades de animación que buscan achegar o patrimonio á cidadanía.

As Torres do Allo permanecerán abertas ao público durante boa parte do ano, con horarios adaptados ás diferentes tempadas e cunha programación reforzada durante a Semana Santa e os meses de verán, coincidindo co incremento da afluencia de visitantes á Costa da Morte.

A Deputación da Coruña realizou nas últimas décadas importantes actuacións de protección, conservación, rehabilitación e musealización deste histórico pazo, converténdoo nun espazo de referencia para a divulgación do patrimonio histórico e cultural da provincia. O convenio asinado hoxe permite dar continuidade ao modelo de xestión colaborativa que vén impulsando a actividade cultural e turística das Torres do Allo nos últimos anos.

Related posts

Camariñas e Fisterra contarán con vehículos para servizos de Axuda no Fogar financiados pola Deputación da Coruña

Aprobada a licenza para a demolición da antiga cámara agraria de Carballo

Malpica contará cunha nova depuradora en Beo