Asinado o convenio para executar o plan de obras de mellora da estrada de Leis, en Muxía

2 minutes read

O alcalde de Muxía, Iago Toba, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron o convenio para executar o plan de obras centrado na mellora e acondicionamento da rede viaria que une o núcleo de Leis co resto do municipio. O rexedor muxián presenciou esta última sesión plenaria da Deputación da Coruña onde se aprobou o convenio entre a entidade provincial e o Concello para comezar esta importante intervención.

Tras o pleno, González Formoso, e Iago Toba, mantiveron un encontro para realizar a firma deste convenio que será o punto inicial para que o Concello inicie o proceso de licitación de forma inmediata.

Esta obra abordará diferentes melloras técnicas que reforzan a seguridade da vía e que tamén contempla a construción de novo firme de aglomerado. O total da intervención conta cun orzamento de máis de 200.000 euros dos que o ente provincial aporta 160.000, un 80% do total.

“Isto fai realidade unha demanda histórica da veciñanza de Muxía pero tamén cumpre a promesa que fixo este equipo de goberno para levar a cabo este proxecto nesta lexislatura”, destacou Toba.

O goberno muxián, paralelo aos tramites do propio convenio coa Deputación, conseguiu todos os permisos necesarios para a realización de forma inmediata desta intervención unha vez que se firmara o convenio, motivo polo que foi posible adiantar os prazos de comezo da execución da obra.

“Con este novo proxecto demostramos, unha vez máis e a pesar dos obstáculos, que un goberno de tres persoas está a sacar adiante investimentos e plans de mellora fundamentais para o futuro da nosa vila. Estamos a gobernar en positivo, con feitos e realidades”, destacou Toba.

Mellora viaria entre núcleo de Leis e Praia de Lago

Este plan de obras de mellora da estrada de Leis, vén a dar continuidade a outra importante intervención que xa está en proceso de adxudicación e que unirá o núcleo de Leis co coa Praia do Lago a través dunha nova estrada. Está financiada con preto de 130.000 euros de fondos propios municipais e continúa coa proposta en firme do goberno local de Muxía por mellorar a calidade de vida do rural do municipio.