Asinado o convenio que regula a subvención que o Concello de Cee outorga á Fundación Fernando Blanco de Lema

Vén de asinarse o convenio que regula a subvención nominativa outorgada polo Concello de Cee á Fundación Fernando Blanco de Lema co obxecto de financiar, no presente ano 2026, os gastos de persoal e mantemento correspondentes a unha das actividades que a entidade ceense desenvolve: a do Museo Fernando Blanco.
O convenio foi asinado por Margarita Lamela Louzán, na súa condición de Alcaldesa de Cee, e por Eva García Caamaño, Presidenta da Fundación, recollendo unha achega de carácter prepagable por importe de 18.000 € que, xunto con outras axudas que a entidade poida conseguir para a mesma finalidade, permitan ter cubertos os gastos antes mencionados durante o presente exercicio.
Trátase dunha subvención que o Concello ven aportando dende que o Museo abriu as súas portas no ano 2001, mostra clara e evidente da aposta municipal, ao longo de todo este tempo, a prol dun piar crucial na oferta cultural da vila.
Convén lembrar, ademais, o papel xogado pola administración local na propia creación do espazo museístico sobre a que foi antiga Escola das Nenas da Fundación, logrando así unha sede amplamente ligada á Fundación, nun edificio histórico, nobre e singular, e que foi rehabilitado especificamente para expoñer boa parte dos fondos da colección.
Así, dende a Fundación Fernando Blanco, non podemos mais que amosalo noso recoñecemento por tan inestimable colaboración ao longo de todos estes anos, dado que historicamente a relación entre Concello e Fundación sempre foi exquisita, agradecendo ao equipo de goberno, oposición, e a todos os integrantes que formaron parte do pleno do Concello de Cee no pasado, a súa aposta por unha entidade que foi determinante para a vila e para a contorna, e que hoxe difunde a figura do fundador e do seu impagable legado.

Related posts

O Concello de Ponteceso completa a reforma dos camiños de Tella e reforza a protección do polígono fronte aos incendios

O BNG levará a loita contra a macroplanta de biogás de A Laracha a todos os concellos do Anllóns

O PSdeG acusa ao PP e ao goberno galego de “poñerlle alfombra vermella” á planta de biogás de Soandres