O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, asinaron un protocolo de colaboración para a execución das obras de reforma e ampliación do centro de saúde de Carballo que permitirá a súa transformación en centro integral de saúde (CIS). Na sinatura estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Coruña, Gonzalo Trenor, polo xerente da área sanitaria, Luis Verde, así como pola directora de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro.
Con este protocolo, o concello de Carballo comprométese a realizar os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio e libre de cargas e gravames dos terreos lindeiros co actual centro de saúde, terreos coa cualificación urbanística axeitada para a reforma e ampliación do actual edificio e a súa transformación en centro integral de saúde.
Pola súa parte, o Servizo Galego de Saúde levará a cabo os trámites necesarios e as obras de reforma e ampliación do centro de Saúde de Carballo para a súa transformación en centro integral de saúde.
Este protocolo confirma o acordo acadado entre ambas administracións en novembro do ano pasado, trala remisión dunha carta por parte da Xunta ao Concello para solicitar a posta a disposición de terreos que permitiran executar as accións previstas no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta.
Tralo acordo producido nesa reunión sobre a conveniencia de efectuar a ampliación do actual centro para a súa transformación en CIS, a administración municipal efectuou as consultas urbanísticas e técnicas oportunas para a adquisición dos terreos necesarios.
Neste momento, a sinatura deste protocolo dará cobertura ao goberno local para iniciar o proceso de adquisición do terreo e os trámites urbanísticos para poñer a disposición do Sergas a parcela coa cualificación necesaria.