A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña asinaron un acordo de colaboración para o desenvolvemento de medidas de control do xabaril na cidade.
O acordo, que estará en vigor desde a súa sinatura ata o 31 de decembro de 2024, establece as obrigas que asumen tanto a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda como o Concello da Coruña de cara a aplicar as medidas necesarias para controlar o avance desta especie na contorna urbana e periurbana da cidade.
Deste xeito, o Goberno galego encargarase da instalación, cebado, revisión e seguimento das gaiolas trampa. De feito, a planificación e seguimento destas actuacións será supervisada en todo momento por persoal da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda.
Pola súa banda, a Administración local, ademais de cumprir con todas as obrigas necesarias para obter as correspondentes autorizacións por parte da Xunta, comprométese a determinar as localizacións das gaiolas trampa. No caso dos animais capturados, asumirá tanto a súa eutanasia como a xestión posterior dos cadáveres.
E, a maiores, o Concello executará accións encamiñadas a reducir as condicións de refuxio e encame que ofrece o hábitat para o xabaril naqueles terreos competencia da administración local.
Co fin de realizar o desenvolvemento, seguimento e avaliación dos resultados, crearase unha comisión de seguimento, que estará integrada por dous técnicos da Vicepresidencia Segunda e outros dous do Concello.
Unha vez asinado o devandito acordo, o Concello da Coruña deberá presentar a solicitude da autorización excepcional para a implantación das medidas. Tras ser avaliada a documentación por parte da Xefatura Territorial, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural procederá a emitir a correspondente resolución.