A Xunta, a través da Consellería de Facenda e Administración Pública, asinou un convenio coa Federación Galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia) e coa Federación Down Galicia para facilitar a inclusión de persoas con discapacidade na Administración e seguir así avanzando no camiño da plena integración.
Tal como recolle o convenio, a Administración galega realizará actuacións que faciliten a adaptación ao entorno laboral das persoas con discapacidade. A colaboración engloba tanto accións de formación e orientación sociolaboral previas ao ingreso ou no inicio da prestación de servizos na Administración galega, como accións de apoio ao desenvolvemento nos postos de traballo ao longo da súa carreira profesional.
Entre as actuacións máis relevantes que se levarán a cabo están a realización de cursos de formación específicos previos ao ingreso na Administración da Comunidade Autónoma, que serán impartidos por persoal da Xunta co apoio do persoal das dúas asociacións.
Prestarase tamén apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo e ao entorno laboral dos traballadores con discapacidade intelectual. Ademais, levarase a cabo un seguimento do desempeño da actividade laboral que incluirá formación continua en competencias instrumentais, transversais e laborais para este colectivo.
Finalmente, o acordo inclúe a realización de talleres prácticos de intercambios de experiencias dirixidos ao persoal que realiza funcións de referencia no entorno de traballo das persoas con discapacidade.
As asociacións Down Galicia e Fademga teñen como finalidade coordinar, apoiar e impulsar a mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual e das súas familias a través de plena inclusión social e da utilización dos recursos da Comunidade. Ademais, traballan en promover proxectos de integración escolar, laboral e social; promover a autonomía persoal das persoas con discapacidade; e favorecer a súa inclusión social en todas as etapas da vida.