Asinado un convenio de colaboración para reformar o centro de saúde de Monfero


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Monfero, Andrés Feal, asinaron un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade.
O investimento deste proxecto de mellora ascende a 32.418 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Monfero contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor e máis confortable.
As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas, consistirán no pintado exterior e interior, a limpeza das fachadas de pedra, a substitución da fontanería e a reparación de falsos teitos.