Unha semana despois de ser aprobado pola Xunta de Goberno Local, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e a presidenta da asociación Vieiro, Fina Rey, veñen de asinar un novo convenio de colaboración no ámbito da prevención das adiccións en todos os ámbitos.
O acordo tamén inclúe os servizos de información, orientación, asesoramento e atención xurídico-social que presta a entidade tanto ás persoas toxicómanas coma ás súas familias, e puntualmente fináncianse os gastos de asistencia a centros de rehabilitación, programas de desintoxicación ou de inserción para a inclusión social das persoas con condutas adictivas que carecen de recursos.
No acto de sinatura do convenio, celebrado na Alcaldía, participaron tamén a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures, e a secretaria de Vieiro, Mª Pilar Mata.
Representantes municipais e da entidade aproveitaron para comentar a situación actual e coincidiron en expresar a súa preocupación pola incidencia das adiccións na sociedade, especialmente na mocidade, así como a necesidade de incidir na educación como canle máis axeitada para combatelas.