Asinado un convenio para a execución do itinerario entre a Rúa Mero e o Paseo da Ría do Burgo


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou telematicamente co alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, o convenio de colaboración para facilitar a execución do itinerario peonil e ciclista entre a rúa Río Mero e o paseo da Ría do Burgo. O obxectivo deste convenio é establecer as condicións da colaboración para o desenvolvemento destas obras.

No acordo, Augas de Galicia comprométese a poñer á disposición os terreos necesarios para que o Concello de Culleredo acometa esta actuación. Pola súa parte, o Concello de Culleredo solicitará as autorizacións para a execución das actuacións e conservará en bo estado as obras e instalacións.

Coa sinatura deste convenio, a Administración local poderá acometer esta senda cunha lonxitude de 757 metros, que permitirá vertebrar os diferentes núcleos do Concello, seguindo os obxectivos do Programa operativo FEDER 14-20.