Asinado un convenio para dotar de auga a Nantón, Anos e ao futuro parque industrial de Cabana

2 minutes read

O Concello de Cabana e a Xunta de Galicia formalizaron un acordo para dotar de abastecemento os núcleos de Nantón e Anos, nunha actuación que permitirá garantir o subministro tanto ao municipio como ao futuro parque industrial da Costa da Morte.

A actuación, valorada en 1,3 millóns de euros, garantirá un axeitado abastecemento, a través dunha nova captación de auga no río Anllóns, a execución dunha potabilizadora e intervencións para completar os traballos que blinden o subministro a estas 2 poboacións e á zona de implantación do polígono.

Deste xeito, a intervención iniciarase coa limpeza e comprobación de tubaxes de impulsión e de distribución que xa hai, a reparación dos elementos que poidan estar danados e a impermeabilización dos muros do depósito existente e a execución da cuberta.

Logo executaranse a captación no Anllóns mediante toma directa a un pozo de bombeo situado a 10 metros da canle do río, coa instalación de dúas bombas verticais mergulladas para impulsar un caudal de 100 m³/h.

Tamén se acometerá o edificio da estación de tratamento de auga potable que se situará anexo ao depósito existente e disporá de preto de 600 m², con sala de control e sala de reactivos. A potabilizadora incluirá pretratamento de auga bruta e mestura de reactivos, flocuación, decantación, filtración e tratamento de desinfección ultravioleta.

A Xunta sinala que avanzará cos trámites correspondentes para a licitación das obras, prevista no último trimestre do ano, co propósito de iniciar os traballos no 1º trimestre de 2024, cun prazo de execución de 12 meses.

Deste xeito, dase continuidade á mellora da rede de abastecemento municipal a través dunha actuación que se suma a intervencións anteriores como a extensión do servizo na parroquia de Corcoesto, onde as obras xa foron finalizadas.

José Muíño, alcalde de Cabana, sinalou que “hoxe materialízase un acordo crucial co que dotaremos dun servizo de calidade á veciñanza e ao futuro polígono industrial” e mostrou o seu agradecemento coa Xunta “polo seu compromiso e apoio para que esta antiga demanda se convirta moi pronto nunha realidade”.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?