Asinado un convenio para o control da pesca recreativa en Caión

1 minutes read

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, vén de asinar co alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, un convenio de colaboración para o control da pesca recreativa no municipio. Deste xeito, permítese ampliar os horarios e zonas autorizadas para esta práctica no porto de Caión, segundo recolle o plano correspondente a dito peirao que estará dispoñible na páxina web de Portos de Galicia. A zona autorizada para a pesca nesta localidade amplíase na mesma liña do peirao na que estaba xa autorizada, diante da lonxa ata o final do espigón.

A través deste acordo, que xa asinaron tamén outros municipios como Ribeira, Malpica, Cervo, Porto do Son ou Muros, formalízase o compromiso de abrir máis zonas á actividade mediante a colaboración institucional e minimizando riscos ao igual que se fai noutras actividades de ocio desenvolvidas en solo portuario. Este tipo de convenios permiten establecer un control e vixilancia por parte do Goberno local dunha actividade vencellada unicamente co lecer dos veciños e allea por completo á operativa portuaria.