Asinado un convenio para reformar o centro de saúde de Bergondo

Foto: Moncho Fuentes.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, asinaron un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 306.998 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o concello. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Bergondo contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor, máis confortable e accesible.

As obras consistirán na renovación de toda a cuberta, o lucernario e da carpintería exterior, ademais da construción dunha marquesiña e dun soportal de acceso cuberto dende a zona de ambulancias. Así mesmo, procederase ao pintado exterior de todo o edificio, á instalación de calefacción mediante bomba de calor e á renovación da instalación eléctrica.