Asinado un protocolo de colaboración para difundir a obra do artista carballés Manuel Facal

2 minutes read

Dentro do convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Fundación Manuel Facal, este mércores tivo lugar no Museo de Bergantiños a presentación das actividades que se levarán a cabo ata finais de ano para conmemorar o 80º aniversario do artista carballés máis internacional.

Xaime Díaz exerceu como mestre de cerimonias e deu a coñecer o programa de actos. O máis inminente é a presentación do anteproxecto de rehabilitación do edificio da familia Facal, situado na rúa do Sol, coa finalidade de convertelo en sede da Fundación Manuel Facal e dun futuro centro de arte contemporánea. A presentación, aberta ao público, celebrarase este venres 8 de setembro, ás 20.30 horas, na Biblioteca Rego da Balsa.

Manuel Facal, en representación da fundación que leva o seu nome, e Evencio Ferrero, no nome do Concello de Carballo, asinaron ante numerosas testemuñas o documento que marca o inicio dos trámites para, en palabras do alcalde, “que a obra de Facal non se disperse, e que teña un espazo en Carballo que sexa ao mesmo tempo un centro de divulgación da arte contemporánea”.

Con esa finalidade, o protocolo asinado este mércores establece a vontade de ámbalas partes de actuar co obxectivo común de promover, protexer e difundir a obra de Manuel Facal, “contribuíndo deste xeito á dinamización cultural en materia de artes plásticas de Carballo e de toda Galicia”. O artista cederá ao Concello de Carballo unha serie de obras e o edificio familiar, e desde a Administración local realizaranse os trámites necesarios para que poida destinarse a sede do Centro de Arte Contemporánea Manuel Facal.

O alcalde destacou a longa relación de colaboración entre Concello e artista, que ten doado a Carballo obra pictórica e escultórica.

Despois da sinatura do protocolo tivo lugar unha visita ao edificio familiar, no que as persoas asistentes puideron ver algúns dos proxectos nos que está a traballar Manuel Facal nestes momentos.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?