Galicia colaborará con Andalucía, Castela e León e Estremadura no impulso e divulgación da Vía da Prata, así como na protección, sinalización, promoción e conservación desta ruta ou no desenvolvemento de accións de cara á celebración do Xacobeo 2021. Así se reflectiu na xuntanza que mantivo en Cáceres o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, cos responsables das áreas de Cultura, Turismo e Patrimonio das comunidades polas que transcorre este itinerario xacobeo, coas que asinou un protocolo de colaboración para traballar en accións sobre este itinerario de xeito conxunto.
Concretamente, o acordo asinado pola conselleira de Cultura y Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo; o conselleiro de Cultura y Turismo da Junta de Castilla y León, Javier Ortega; a conselleira de Cultura, Turismo y Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores, e o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en funcións, Román Rodríguez, ten por finalidade impulsar este itinerario con accións conxuntas e coordinadas entre as comunidades, que redundarán nunha maior efectividade e permitirán aumentar o número de peregrinos e visitantes que percorrerán a Vía da Prata nas mellores condicións.
Durante o acto, o titular de Cultura e Turismo en funcións da Xunta de Galicia manifestou o seu agradecemento pola hospitalidade do Goberno estremeño e sinalou que neste escenario de incerteza “non podemos loitar solos”. “A cooperación non é importante, senón indispensable. Só traballando xuntos e por encima de cores políticas, territorios ou administracións poderemos superar os grandes retos que temos por diante”, sinalou Román Rodríguez.
O acordo asinado en Cáceres inclúe medidas que, segundo o titular de Cultura e Turismo en funcións, “permitirán explotar todo o potencial da Vía da Plata” a través dun traballo coordinado en materia de promoción, cultura, sinalización, protección, así como no marco do Xacobeo 2021. “Estamos ante un acordo de colaboración histórico, xa que non existen moitas comunidades que colaboren de xeito tan estreito por un mesmo obxectivo que non podía ser outro que o Camiño de Santiago”, subliñou o conselleiro.