Asinados os contratos de obras de saneamento en varias parroquias de Carballo

Imaxe das obras de saneamento en Outeiro e Figueroa_Concello de Carballo

  • Os proxectos hidráulicos que están en marcha na zona rural superan os 3 millóns de euros de investimento

O alcalde, Evencio Ferrero, asinou este xoves coa empresa Vázquez y Reino os contratos correspondentes a dous novos proxectos de saneamento no rural.

Na parroquia de Sofán está prevista a instalación de case tres quilómetros de rede entre A Piña e Evas, cun custo de 188.881 euros. Así mesmo, destinaranse outros 170.731 euros a levar o servizo aos lugares de O Pinar e Pedra do Sal (Lema), Vilar do Carballo (Oza), Razo da Costa e Santa Mariña (Razo). O prazo de execución das obras é de cinco meses nos dous casos.

A mesma empresa está a executar nestes momentos o proxecto da rede de abastecemento de auga a Oza e Razo, adxudicado por case 1,3 millóns de euros, que estará rematado antes do verán; así coma as obras de abastecemento e saneamento dos lugares de Figueroa e Outeiro, na parroquia de Sísamo, cun custo de 257.125 euros e que entran xa na súa recta final despois de tres meses de traballo. En total instalaranse case 3 quilómetros de rede de saneamento e outros tantos de abastecemento e realizaranse as reposicións correspondentes na rede viaria.

En total, o Concello de Carballo ten en marcha obras hidráulicas por un importe superior aos tres millóns de euros. Nestes momentos están en proceso de contratación as obras da rede de saneamento nos lugares de Taboada e A Granxa, na parroquia de Entrecruces, cun investimento de 259.959,13 euros, e as de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar, na parroquia de Artes, por 199.884,67 euros.

Con cargo ao superávit do ano pasado acometeremos, ademais, o abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus), cun orzamento de 323.203,69 euros.

Outro dos proxectos que se licitará en breve é o abastecemento de auga ao núcleo de Lema, cun orzamento de 431.876,23 euros.