Unha muller de 34 anos foi trasladada este sábado a un hospital da Coruña tras caer ao mar ao envorcar o veleiro no que navegaba canda outras dúas persoas nunha zona entre o castelo de Santo Antón e o peirao do Centenario. A muller é usuaria do centro da asociación Aspronaga de persoas con diversidade funcional que participaba nun curso de vela adaptada que se realiza desde hai anos en colaboración co Real Club Náutico da Coruña. Unha mala manobra foi ao parecer a causa do accidente, que deixou a muller atrapada baixo o casco. Rescatouna unha lancha pneumática e trasladouna a terra. Malia a rápida actuación entrou en parada cardiorrespiratoria pero os sanitarios lograron reanimala alí mesmo antes de evacuala ao hospital, a onde chegou con pulso estable e fóra de perigo.