Asistidas 59 persoas por 51 accidentes de circulación durante a fin de semana en Galicia

061 Galicia

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 59 persoas debido a 51 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 3 de xullo, ata as 23,59 horas do domingo, 5 de xullo. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 22 sinistros de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 63 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 51 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 59 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 64% e do 36% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 37% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

Por provincias, Pontevedra rexistrou 27 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 67. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 48 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en sete accidentes. As ambulancias convencionais atenderon en cinco ocasións.

En 52 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en seis ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha