ASPABER encargarase da limpeza viaria no concello da Laracha

1 minutes read
  • Por primeira vez inclúese a limpeza da praia de Caión

Na última sesión da Xunta de Goberno Local da Laracha acordouse adxudicar ao centro especial de emprego Aspaber S.L. o novo contrato de limpeza viaria por un período de catro anos, prorrogables por outros dous máis. O procedemento de contratación deste proxecto, valorado en 661.000 euros en total máis IVE, dirixírase exclusivamente a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de persoas con diversidade funcional.

A principal novidade é a inclusión, por primeira vez, da limpeza da praia de Caión. Ao igual que o anterior contrato adxudicado á mesma entidade, contémplase o varrido manual nos núcleos urbanos e rurais, o baldeo mecánico, a eliminación de herbas no borde da calzada, o mantemento de papeleiras ou as intervencións especiais.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou modificar o contrato en vigor referido á limpeza de edificios e instalacións municipais para incluír no mesmo o centro comunitario de Caión recentemente inaugurado, así como a concesión de dúas licencias urbanísticas.