Aspaber rendeu homenaxe a Evencio Ferrero “polo seu compromiso social como alcalde de Carballo”

2 minutes read

Aspaber celebrou este venres 17 de outubro un emotivo acto de homenaxe a Evencio Ferrero, alcalde de Carballo durante 22 anos, “en recoñecemento ao seu compromiso social e ao apoio esencial que brindou para o desenvolvemento da entidade ao longo destas dúas décadas”.

Foron os usuarios e usuarias de Aspaber, preto de 120 persoas, quen lideraron todo o acto, asumindo a organización, a presentación e as intervencións. A súa entrada foi recibida cun corredor cheo de aplausos e emoción. Durante a homenaxe leron mensaxes de agradecemento e vivencias persoais. Un dos momentos máis conmovedores chegou coa testemuña dun usuario que compartiu como, grazas á oportunidade laboral en Aspaber asumindo a limpeza viaria do concello, puido alcanzar independencia e levar unha vida plena e normalizada.

Como símbolo de unión e lembranza, invitouse a Evencio a plantar un carballo nas instalacións da entidade, como metáfora do crecemento compartido entre Aspaber e o Concello. A continuación descubriuse unha placa conmemorativa coa transcrición dunha das súas frases máis significativas en defensa do labor de Aspaber. Outro momento moi especial foi a sinatura de Evencio no Libro de Honra da entidade, que está a piques de cumprir 50 anos de historia, deixando constancia do forte vínculo humano e institucional construído ao longo destes anos.

Evencio Ferrero agradeceu a homenaxe e puxo en valor o traballo de todo o equipo de Aspaber, declarando que “oxalá outros moitos concellos miren o exemplo de Aspaber e dean oportunidades para que todas as persoas teñan dereito a unha vida digna”.

O acto reuniu a preto de 170 persoas, entre usuarios, familias, profesionais e representantes institucionais. Aspaber agradeceu a presenza de María Carmen Vila e Valentín Costa, do PSOE; Beatriz Neira, do PP, e Luis Lamas e Maica Ures, ademais do alcalde, Daniel Pérez, do BNG, “así como a todas as persoas que acompañaron este momento tan especial”.

A xornada pechouse cunha canción, emotivos abrazos e moito cariño, nun ambiente de gratitude e recoñecemento mutuo.