Aspronaga | 60 anos ao servizo das persoas con discapacidade

Cedida.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, participou nos actos de celebración do 60 aniversario de Aspronaga. O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, tamén asistiron aos actos conmemorativos desta efeméride, que tiveron lugar no seu centro de Lamastelle, en Oleiros, ao longo de toda a xornada deste sábado.

Trenor subliñou o papel de Aspronaga na atención ás persoas con discapacidade e das súas familias na área da Coruña. Por iso, remarcou o compromiso do Goberno galego con esta entidade referente no ámbito da discapacidade coa que a Administración autonómica leva moito tempo traballando.

Así mesmo, aproveitou a celebración para agradecer o labor diario dos profesionais que forman parte dos servizos da asociación, por impulsar a autonomía dos usuarios e tamén por mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias.

Nesta mesma liña, Fernando González Abeijón destacou que Aspronaga “é todo un exemplo no eido social polo seu facer diario en favor da inclusión”. Tamén resaltou a importancia da colaboración coas entidades que traballan día a día a pé de campo para mellorar a autonomía das persoas con discapacidade.