Atacan unha exposición instalada na Alameda de Santiago


A exposición do Día Mundial das Persoas Refuxiadas instalada no parque da Alameda de Compostela sufriu un acto vandálico esta fin de semana. Os paneis, onde se recolle o nome das 40.555 persoas inmigrantes falecidas das que se ten coñecemento até o 11 de xuño de 2020, apareceron esnaquizados e con evidentes mostras de ser golpeados. Os servizos municipais ordenaron a retirada dos restos potencialmente perigosos para os viandantes. A exposición, organizada pola Concellaría de Políticas Sociais, a través da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), forma parte das actividades promovidas polo Concello de Santiago en apoio ás persoas migrantes e refuxiadas. Uns actos vandálicos e un delito de odio que o goberno municipal levará a próxima Xunta de Voceiros a través dunha declaración institucional de condena e rexeitamento, co obxectivo de que sexa aprobada no pleno de xuño, que terá lugar o mércores día 30.