Polo menos unha persoa perdeu a vida e outras dúas resultaron feridas, unha delas grave, nun ataque perpetrado por un home armado cun coitelo no parque de Hauts de Bruyères, de Villejuif, na periferia do sur de París. A policía abateu ao agresor cando fuxía. Polo momento non se cualificou de acto terrorista. Aínda se descoñece o motivo dos apuñalamentos.
“O que sabemos de momento é que o atacante no seu percorrido tentou abalanzarse sobre outras persoas que lograron evitalo. Desgraciadamente, alcanzou a tres persoas, unha das cales morreu.” declaraba a fiscal de Créteil, Laure Beccuau, ao mando da investigación.
A vítima mortal é un veciño de Villejuif de 56 anos que paseaba xunto a súa muller. A fiscalía antiterrorista podería ser activada se finalmente se decretase o carácter terrorista deste ataque.
O ataque prodúcese a menos dunha semana de que Francia conmemore o quinto aniversario do ataque terrorista contra a revista satírica Charlie Hebdo, o 7 de xaneiro de 2015. O plan de seguridade contra a ameaza terrorista atópase no nivel 2 sobre 3.