Atención primaria de Vimianzo, Camariñas e Zas conta con tres pediatras, un en cada concello


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou no Pleno do Parlamento de Galicia que o servizo pediátrico de Vimianzo, Camariñas e Zas conta con tres pediatras, un en cada concello. Segundo explicou Almuiña, cada servizo de atención primaria está conformado por unha ou varias unidades (centros de saúde e consultorio periféricos).

Almuiña referiuse en concreto ao Concello de Zas, que ten na actualidade 318 nenos en idade pediátrica (cunha diminución do 47% respecto aos 600 do ano 2000), onde se estudou a oferta asistencial e a demanda (a media de consultas diarias de pediatría en 2018 foi de 8 en Zas e 11 en Baio) para reordenar a atención pediátrica. Tamén dixo o conselleiro que houbo que ter en conta “os especialistas en pediatría cos que contamos, e a dificultade para ser contratados, dificultade que se incrementa máis, se cabe, para a contratación nas zonas rurais e que atenden varias localidades”.

Por outra parte, o titular de Sanidade remarcou que a poboación infantil do concello de Zas pode acudir, indistintamente, á consulta pediátrica ao centro de saúde ou ao consultorio dispoñendo, polo tanto, de pediatra todos os días da semana. A atención á demanda espontánea ou de urxencia que poida xurdir fóra deste horario, é prestada polo médico de familia, que conta cun servizo pediátrico de referencia en Vimianzo para o caso de que xurdan dúbidas ou dificultades para resolver o problema que se presente.