Atletas de Santiago reivindican os seus dereitos


O pasado sábado 7 de decembro, a iso das 19 h, na praza do Obradoiro da capital de Galicia, mentres peregrinos, visitantes, turistas e oriúndos gozaban da decoración do Nadal e os máis pequenos, ademais, do Carrusel, sorprendía a aparición dunha nutrida representación de atletas de Santiago e comarca. Colocados diante do Pazo de Raxoi( sede do Concello de Santiago) ,e tras unha pancarta, trataban de dar visibilidade ás súas máis que xustas reivindicacións.

A marcha partía da rúa de San Pedro e tiña como meta a emblemática praza. Portaban unha pancarta que deixaba ler: Atletismo en pista en Santiago. Desta forma atletas, familiares, amigos e simpatizantes apoiaban dando presenza física á iniciativa. Clubs como Atletismo Santiago, SD Compostela, Noitebra, Fontes do Sar, USC, Sar Petroni, Millaraio, O Pino, 3 & Run, Atlética A Silva, Negreira, Tambre Bike, Ames Atletismo, Atletismo Brión, CA Deza, Atletismo Carballo, Cerne Melide, CAO de Outes, Atletismo A Estrada, Arcade e Santa Uxía Atletismo desafiaban o frío e a choiva do atardecer compostelán para denunciar que a cidade de Santiago carece de instalacións homologadas para realizar competicións oficiais de atletismo. Á espera de conseguir por parte das administracións correspondentes o compromiso en firme de que a cidade conte cunhas pistas homologadas, máxime coa meta xacobea no horizonte próximo do 2021, onde unha competición oficial de atletismo antóllase cita obrigada.

Sinalar tamén que nas últimas semanas está a levarse a cabo unha recollida de firmas para deixar constancia do apoio popular a esta iniciativa. Non deixa de resultar paradoxal que unha das maiores canteiras de Galicia de atletas federados (preto de 1000 só na cidade), ademais de afeccionados ao atletismo e participantes en carreiras populares, como é a comarca de Santiago non conte cunhas instalacións á altura tanto da cantidade e calidade de atletas, como do nivel que á cidade se lle presupón pola súa condición de capital e punto central da comunidade autónoma.

Na actualidade existen dúas pistas, sen homologar e cunhas condicións de conservación deficientes. Mentres que calquera outra cidade de Galicia e mesmo poboacións pequenas contan con instalacións coa pertinente homologación. Un agravio comparativo para con Santiago e comarca, ante o que estes deportistas reclaman unha solución. Desta maneira, os atletas composteláns quixeron mostrar a súa unidade ante esta situación, hastiados de tantas boas palabras pero vacías en contido e practicidad. Trátase dunha vella reivindicación que urxe solución inmediata. En anteriores contactos sempre se atoparon con problemas burocráticos, momentos inoportunos, investimentos noutras actividades deportivas cualificadas de prioritarias, dificultades orzamentarias, etc.

Chegou entón a hora de considerar este vello anhelo do atletismo compostelán como algo prioritario. Estamos ante o deporte en estado puro, un dos mellores e máis sans transmisores de valores positivos, non só no ámbito do fomento de hábitos de vida sans e saudables se non tamén no desenvolvemento da capacidade de superación e do espírito de sacrificio. Home e muller ante unha marca, competindo contra o tempo e contra si mesmo. O deporte rei dos JJOO.

Unha fábrica de heroes, unha escola de valor e respecto. Seica non merecen un lugar digno que cumpra os requisitos legais para poder competir. E desta maneira, poder ver o progreso e avance de cada atleta e mesmo chegar á posibilidade de xestar un gran campión ou campioa.

Sen dúbida, a marca de cumprir o obxectivo está en xogo. Toca agora ás autoridades competentes correr a última substitución para que isto chegue a bo fin. Os atletas, como sempre, deixárono todo a piques de caramelo, para que quen teña o poder e a responsabilidade acabe entrando na meta. A medalla da reparación e a xustiza está en xogo.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO