O cadáver foi atopado por un veciño nunha zona que xa fora inspeccionada con anterioridade. Segundo a confirmación da Garda Civil xunto coa delegada do goberno en Castela e León, o corpo estaba en superficie. De momento non transcenderon moitos datos, dado que está decretado o segredo de sumario. Esther López, era a muller de 35 anos desaparecida en Traspinedo, en Valladolid, desde o pasado 12 de xaneiro, despois de pasar a noite cuns amigos vendo un partido de fútbol nun bar. Perdéraselle a pista tras baixar do coche no que viaxaba con eles. As forzas de seguridade seguen a investigar que puido pasar, hai varias persoas investigadas en relación co caso. Desde a súa desaparición, axentes da Garda Civil, voluntarios de Cruz Vermella, de Protección Civil e centos de veciños da localidade e doutros municipios realizaron durante estas semanas varias batidas multitudinarias pola área, acompañados de apoio aéreo e unidades caninas de rastrexo.