Atopado o corpo sen vida dun septuaxenario desaparecido en Negreira

1 minutes read

Os equipos de emerxencia tiveron que intervir este martes para recuperar o corpo sen vida dun septuaxenario desaparecido en Negreira. O varón foi atopado dentro do río Barcala, nas proximidades da Ruta dos Tres Pazos.

Foi unha dotación da Garda Civil quen encontrou o cadáver dentro da auga pouco antes das 13:00 horas.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento da desaparición na noite do domingo, ao fío das 22:30 horas, a través da chamada dun familiar do septuaxenario. Na súa comunicación coa central de emerxencias, indicaba que o home saíra da casa para atender aos animais da súa propiedade e non regresara.

Nada máis ter constancia dos feitos, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil que, de inmediato, coordinaron un dispositivo de busca que contou coa colaboración dos Bombeiros de Xallas, dos membros do GES de Brión e dos efectivos de Protección Civil de Negreira.