Atopan un home no medio do río Tambre que podería ser a persoa que se busca en Oroso

1 minutes read

O home desaparecido en Oroso e que os servizos de emerxencia  buscan desde o pasado luns, poder ser o mesmo que foi atopado este martes debaixo da ponte do AVE, na confluencia  dos ríos Tambre e Lengüelle, no concello de Oroso.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular que alertaba do achado. Indicaba que o home se atopaba no medio do río e enganchado nunha árbore. Por iso, nada mais recibir a chamada do alertante, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios, das Forzas da Orde e de Protección Civil.  Tamén os Bombeiros de Ordes foron informados.

Cómpre sinalar que desde que un particular alertara ao 112 Galicia de ver caer á auga a unha persoa e que a arrastraba a corrente,  o pasado luns, púxose en marcha un operativo  coordenado pola Garda Civil, os axentes da Policía Nacional e Local. No mesmo,  participaron ademais dos servizos sanitarios e dos servizos de emerxencia  da localidade, os Bombeiros de Santiago, de Ordes,  o GES de Brión e os efectivos de Protección Civil de Santiago. Á procura, tamén se sumaron os membros do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) co equipo de drons e un vehículo anfibio especialmente dotado para desprazarse por zonas de baixo-medio caudal.

Os servizos de emerxencia que traballaron no rescate tratan de poder confirmar a súa identidade.