O 112 recibiu o primeiro aviso sobre as 15.00 horas deste luns e mobilizou ata o lugar os Bombeiros de Monforte, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Garda Civil.
Segundo indicaron fontes municipais, o home, veciño de Sanmil, na parroquia de Santa Cruz de Brosmos, acudira a por auga a ese lugar.
Os familiares cos que convivía no seu domicilio notaron a súa ausencia e, posteriormente, atoparon o corpo sen vida do home nesa mina de auga.
Así mesmo, estas mesmas fontes indicaron que se trata dun manancial de pouca altura no que é necesario agacharse para poder coller a auga, polo que apuntan a que o home puido sufrir unha indisposición e que tras caer non logrou saír.
As forzas e corpos de seguridade investigan o sucedido e está previsto que se lle realice a autopsia para esclarecer as causas do falecemento.