Atopan morta na Coruña a unha muller de 52 anos, presuntamente asasinada pola súa parella


Segundo as primeiras investigacións, os feitos aconteceron de madrugada na súa vivenda no barrio do Birloque. Varias patrullas da Policía Nacional e unha ambulancia desprazáronse ata o domicilio, pero os sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida. O fillo da vítima foi o que a atopou e deu a voz de alarma. A Policía Nacional busca como suposto autor dos feitos á parella da muller, que tiña antecedentes por violencia de xénero contra outras dúas mulleres. É un home de 48 anos que permanece en paradoiro descoñecido. Se se confirma que se trata dun crime machista, serían 35 as mulleres que morreron asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano en España, a primeira deste ano en Galicia. O teléfono para as vítimas de violencia contra a muller é o 016. É gratuíto e non deixa rastro na factura.