38
- O incidente produciuse na Avenida de Vigo arredor das catro e media da madrugada
Unha muller faleceu na madrugada deste sábado despois de que se producira un incendio na súa vivenda en Pontevedra. O lume calcinou por completo o salón e a casa resultou afectada polo fume.
O suceso aconteceu ao fío das 04:30 horas na Avenida de Vigo, cando a esa hora un veciño contactou co 112 Galicia para alertar de fume na súa casa, indicando ademais que a orixe do mesmo podería estar noutra vivenda.
Cando os Bombeiros de Pontevedra chegaron ao lugar puideron extinguir o lume, pero finalmente confirmaron que a muller e única residente da vivenda fora atopada morta nunha estancia da mesma.
No operativo tamén participaron axentes da Policía Local e Nacional, así como os efectivos de Protección Civil da localidade.